Catro axentes incorporaranse antes de Semana Santa e o resto, que sairá da convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública, no mes de xuño
Sanxenxo continúa cos preparativos dos servizos de cara á tempada de verán cando a poboación increméntase exponencialmente. E é precisamente a Policía Local un dos departamentos que rexistra un maior reforzo de persoal. O persoal actual está formado por 23 axentes, 8 deles actualmente de baixa, aos que se sumarán antes de Semana Santa catro novos auxiliares e en xuño chegará o reforzo de 30 máis que sairán da convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública.
O proceso selectivo que se realiza de forma centralizada na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) abriuse este venres 18 e concluirá o 31 de marzo. As probas incluirán un cuestionario tipo test, probas de aptitude física, e tamén deberá acreditarse o coñecemento da lingua galega ou realizar a correspondente proba de avaliación lingüística.
As solicitudes deberán presentarse preferentemente por sede electrónica da Xunta a través do formulario. Poderán inscribirse aspirantes que cumprisen xa os 18 anos, teñan título de graduado en ESO ou equivalente, e unha estatura mínima de 1,60 metros, no caso das mulleres, e 1,65, no caso dos homes.
Máis adiante, publicarase no DOG a listaxe de persoas admitidas e excluídas, e na páxina web da Agasp, as datas das probas selectivas e o resto das comunicacións relacionadas con este proceso.
Máis historias
Boletín de ofertas da Axencia Local de Colocación Concello de Santiago
Boletín de emprego da Confederación de Empresarios de Santiago
Boletín semanal Ponteemprego – 13 de Abril